Saturday 18 de May de 2024

Traballo desenvolverá nos vindeiros meses catro obradoiros de emprego nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal


Estas iniciativas mixtas de formación e emprego beneficiarán aos concellos de Ferrol; Cabanas, Pontedeume e Monfero; Ortigueira, Cerdido e Mañón; e de Vilarmaior, Monfero, Irixoa e Aranga

A Consellería de Traballo e Benestar destinará ás comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal un total de 737.322 euros para desenvolver catro obradoiros de emprego, que poderán beneficiar a 83 persoas sen emprego. En cada un dos obradoiros que se acaban de conceder participarán 20 traballadores e traballadoras, agás o de Ferrol, que terá 23. Trátase da avaliación realizada pola comisión de valoración do departamento autonómico, xa que a resolución definitiva realizarase nos vindeiros días.

En primeiro lugar, o concello de Ferrol volverá a organizar un obradoiro -“Ferrol Verde”- centrado no desenvolvemento de labores de xardinería e conservación de parques e xardíns. Pola súa banda, os concellos de Cabanas, Pontedeume e Monfero levarán a cabo “Eume Emprende”, vinculado a tarefas de conservación da natureza, neste caso no entorno das Fragas do Eume.

Ortigueira, Cerdido e Mañón desenvolverán tamén de xeito conxunto a iniciativa “Comarca do Ortegal”, mentres que Monfero, Vilarmaior, Aranga e Irixoa desenvolverán outra pensada para a rehabilitación de espazos públicos e bens municipais.

Estas catro actuacións, ademais de promover a colaboración entre os concellos, apostan pola eficiencia e a optimización do investimento público e ofrecen aos seus participantes unha formación de calidade, xa que os alumnos, unha vez rematados os obradoiros, reciben un certificado de profesionalidade de validez para todo o territorio nacional.

Nas vindeira semanas, poranse en marcha na provincia da Coruña un total de 18 obradoiros de emprego en 42 concellos, que contarán cun investimento de máis de 3,26 millóns de euros, dos que se beneficiarán 367 alumnos e alumnas. En toda Galicia, este programa acadará o medio cento de iniciativas, chegando aos 10,2 millóns de euros de orzamento.

Ademais, este ano o departamento autonómico convocou por primeira vez unha orde, que se resolverá proximamente, para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así pois, Traballo investirá arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros ao longo do presente ano, que terán 2.000 beneficiarios.